![]()
SALNÉS> Ven de rematar a Liga Galega, na que o Fontecarmoa participou este ano con 14 conxuntos. Sen dúbida o maior éxito do club vilagarcián foi a permanencia acadada polo conxunto que actuou na División de Honra, que aínda que con apuros, logrou a salvación na derradeira xornada.
Era un dos grandes obxectivos que se marcara o Club Xadrez Fontecarmoa esta temporada, manter ó seu primeiro equipo en División de Honra. E aínda que foi con moito sufrimento, así o acadaron. Tiveron que agardar á última xornada para confirmar a súa salvación, impoñéndose ademais a un dos equipos máis fortes da Liga, o USC, que rematou terceiro a competición. Os vilagarciáns impuxéronse por un marcador de 3,5 a 2,5 nun partido no que comezaron moi ben, gañando os dous primeiros puntos tanto Julio Suárez como Manuel Conde o que lles permitíu xogar co vento ás costas as partidas restantes. Este triunfo fíxolles non depender doutros resultados e finalmente condenou ó descenso ó Arteixo, que baixará xunto a Padrón e Recatelo Campus Lugo.
Tamén escapou da promoción de descenso o Casa da Xuventude, o equipo do Fontecarmoa que actúa na Primeira B. Os vilagarciáns impuxéronse no derbi ó Alabariño, en Cambados por 1 a 3. O cadro local sen embargo vese abocado ó descenso, ó rematar último do grupo. A outra praza ocupouna o Círculo Cultural e Deportivo de Sanxenxo, que tamén perde a categoría. O outro representante do Salnés neste grupo, o Breogán A, rematou terceiro a liga. Mentres, o Distribunosa Rianxo xogará pola permanencia.
Na Segunda, as malas novas chegaron dos equipos do McDonald’s e La Marina, que non puideron amarrar a permanencia. Sí que o acadaron o resto de conxuntos do Fontecarmoa que militaban nesta categoría.
Redacción Salnés







