O Portonovo cae á última praza tras perder en Lalín

futbol2250_020309.jpgSALNÉS> A derrota do Portonovo en Lalín, que os coloca como novos pechacancelas da Terceira. Por outra banda, Céltiga e Vilalonga empataron sen goles, os celestes tras aguantar noventa minutos de auténtico acoso por parte do Santa Comba.

As numerosas baixas coas que se presentaba ó encontro, condicionaron ó Vilalonga. Gabi Leis contou con tan só 13 efectivos e tivo que tirar dos menos habituais para afrontar un partido difícil ante o Santa Comba (0-0).

Esa situación botou atrás dende ó inicio ós xogadores celestes, que lle deron o mando ó rival. As ocasións do Santa Comba foron numerosas e o dominio, total, pero Pazos e a defensa evitaron que puideran marcharse coa victoria. Pablo Pillado tivo a mellor do Vilalonga, na primiera metade, nun lanzamento de falta que salvou en última instancia o gardamallas Carlos, pese ás protestas locais, que pedían gol. Este punto sírvelles para manterse en metade de táboa.

Un poquiño máis arriba sitúase o Céltiga, a tres puntos do cuarto. Non pudieron os de Josiño Abalde aproveitarse do picazo do Alondras o sábado e, pese a ter levado o peso do encontro ante o Ordes, non souberon materializar en gol o seu maior dominio (0-0).

Taja tivo que retirarse no minuto 25 lesionado e a súa ausencia mermou a faceta creativa dos da Illa. Despois deste encontro viranlle catro complicados compromisos por diante ante rivais da parte alta: Narón, Cerceda, Compostela e Ourense. O mes de marzo marcará as aspiracións do Céltiga este ano.

E o mes de marzo deberá ser tamén o da resurrección do Portonovo, que xa é último. Onte, en horario de mañá ante o Lalín (2-0), non realizaron un mal encontro pero pecaron de inocencia nas dúas áreas: perdoaron arriba e deixaron marchar os puntos nos últimos compases. No 85 marcou Guti e xa na prolongación Sergio fixo o segundo. Chegarán moi tocados e necesitados ó derbi da semana que ven, o Vilalonga visita Baltar.

PREFERENTE SUR

A Preferente Autonómica deixounos un derbi do Salnés entre Ribadumia e Unión do Grove, carente de bo fútbol. Un gol de Jesús no primeiro minuto de xogo foi suficiente para que os puntos quedasen na Senra, se ben é certo que os locais foron superiores. Os de Ricardo rachan coa súa xeira negativa de resultados mentres que os mecos continúan en postos de descenso, agora mesmo a catro da salvación.

Nunha situación intermedia colócase o Sanxenxo, que onte caeu pola mínima no campo do Choco (1-0) na que foi a primeira derrota do equipo dende a chegada ó banquiño de Calucho.

Redacción Salnés