Vilagarcía prepárase para acoller a saída da VIII Volta a Galicia

ciclismo250_140409.jpgVILAGARCÍA> Un total de 133 corredoes de 19 equipos inscribíronse esta tarde no hotel Scala de Padrón, a escasas horas para o comezo da proba. Entre os participantes, o campión do mundo de triatlon, Javier Gómez Noya.

A VIII Volta a Galicia comeza mañá co desenvolvemento da primeira etapa entre Vilagarcía e A Coruña. Os 133 corredores pertencentes a 19 equipos das categorías elite e sub23 deberán completar os primeiros 130 quilómetros da proba, con saída neutralizada na Av. Mariña, ás dúas da tarde, que contará coas metas volantes de Padrón e Carballo e cos altos puntuables para o premio da montaña de San Mamede e A Silva. A liña de meta estará situada en Riazor, cunha chegada que se prevé para as17:30.

A Volta a Galicia, cun total de 640 quilómetros nas súas cinco etapas que se disputarán entre mañá e o vindeiro domingo día 19 de abril, contará coa participación de sete equipos galegos, entre eles o gran favorito a levarse a clasificación por equipos, o Superfroiz, e o Club Ciclista Cambre, que conta nas súas filas con Javier Gómez Noia. Ademais, participarán nove conxuntos nacionais, dous portugueses e un ruso.

A etapa raíña será a segunda, co final no Alto da Enxa en Porto do Son, un porto de case 7 quilómetros de lonxitude cun 7% de desnivel medio e rampas de ata o 15%.

A carreira terá tamén a súa liña de meta en Vilagarcía, o domingo. Unha etapa de 110 quilómetros que sairá dende Porriño e chegará á Avenida Juan Carlos I contra as 13:55.

Redacción Salnés