Cambados e Sanxenxo miden as súas forzas en Burgáns

SALNÉS> Imos mirando xa cara a xornada futbolística da fin de semana que estará protagonizada polo importante derbi que se xoga en Burgáns entre Cambados e Sanxenxo. Ademais, na Terceira o Portonovo visita ó Racing de Ferrol mentres que o Vilalonga recibe ó Cultural Areas

O punto acadado en Narón a semana pasada deu aínda máis tranquilidade a un Vilalonga que pouco se xoga de aquí ó remate de liga, tan só o poder mellorar a súa clasificación. Sí se xoga moito o seu rival, o Cultural Areas, ó que tan só lle separa un punto do descenso directo. Os celestes, que coma sempre volven a estar baixo mínimos, recibirán ó equipo que máis goles encaixa do campionato, xunto co Portonovo.

Precisamente os de Jacobo Molina enfróntanse ó máximo realizador da liga, o Racing de Ferrol, que leva dez xornadas sen perder e non se pode permitir errar se é que quere seguir presionando ó Cerceda. No Portonovo búscase rematar a temporada do xeito maís digno posible unha vez asumíuse que van perder a categoría. Sergio Portela volve á convocatoria tras cumplir a súa sanción.

Partido trascendental en Burgáns onde Cambados e Sanxenxo atópanse en busca de obxectivos diferentes. Os locais precisan retomar a boa dinámica de resultados que arrastraban ata a semana pasada e seguir escalando posicións na táboa. Os de Calucho, con 17 puntos sumados dos últimos 21, non poden tropezar se é que queren defender a segunda praza que arestora ocupan. Oscar e Koeman serán baixa no Cambados por sanción, ó igual que o adestrador Ángel Oliveira. No ataque do Sanxenxo Cacheda e Diego Blanco son serias dúbidas.

Na loita pola permanencia, un Céltiga imparable visita ó Rápido Bahía. Unha victoria dos da Illa daríalles a salvación prácticamente matemática e ademais afundiría a outro rival, facéndolle un favor ó resto de equipos do Salnés.

O Arosa, tamén lanzado cara a salvación, busca sumar tres puntos no difícil campo do Barbadás. Jorge Pérez podería debutar na portería vilagarcián.

Ademais, o Ribadumia debe facer bo o empate acadado a semana pasada en Marín cunha victoria na Senra. Recibe a un Verín que ten que gañar para non descolgarse definitivamente dos postos de cabeza.

Redacción Salnés