BARBANZA> A primeira das regatas será a cuarta Bandeira Cidade da Coruña. O inicio da competición, coma todo, veuse condicionado pola actual situación derivada da Covid-19 e os problemas de adestramentos de moitos clubs durante o estado de alarma.
Doce clubs, entre eles dous galegos: Ares e Cabo de Cruz, loitarán a partir desta vindeira fin de semana por levarse a Liga Eusko Label, a competición de remo máis prestixiosa a nivel nacional. A Liga arrancará na Coruña coa disputa, en dúas xornadas, sábado e domingo, da cuarta Bandeira da Cidade. O Club de Remo Cabo de Cruz, un dos históricos do remo galego, participará na competición por sexta tempada consecutiva. Unha competición que este ano virá moi marcada pola situación derivada da Covid-19.
As expectativas do Club de Remo cabo de Cruz para este ano son altas, e intentará mellorar o seu oitavo posto na clasificación xeral do ano pasado.
O calendario, que contará este ano con dezaoito xornadas, prolongarase ata o 20 de setembro coa disputa da tradicional Bandeira de El Corte Inglés en Portugalete. A proba en augas boirenses terá lugar este ano o 30 de agosto.