Falece un veciño de Ribeira ó caer ó mar o coche que conducía

    sucesopobra_100_21042009.jpgPOBRA> Un veciño de Ribeira de 43 anos falecía este martes ó precipitarse co seu coche ó mar no porto comercial da Pobra.

    {flowplayer}barbanza/sucesopobra.flv{/flowplayer}

    O sinistro producíase ó redor das catro da tarde cando un Ford Puma con pracas de matrícula LU-5901-V precipitábase ó mar no peirao comercial da Pobra. No acto falecía o seu conductor, J.M.L.O., de 43 anos, natural de Rianxo pero con domicilio en Ribeira.

    Ata o lugar do accidente desprazáronse efectivos da policía local, protección civil, garda civil, policía portuaria e bombeiros de Ribeira que colaboraron no dispositivo para recuperar o corpo e posteriormente sacar o vehículo.

    Polo momento, estanse a estudar as causas do sinistro aínda que segundo afirmaron testemuñas presenciais puido deberse a un despiste do condutor ou á falla de visibilidade provocada polo reflexo do sol.

    Suceso similar

    Tan só media hora máis tarde, a policía local de Ribeira recibía o aviso doutro coche que se atopaba afundido en augas do porto de Aguiño e que acababa de ser localizado por un mergullador.

    Afortunadamente, nesta ocasión non houbo vítimas xa que o coche, un Seat Ibiza con matrícula C-0771-BN supostamente foi arroxado ó mar, durante a noite, cando se atopaba estacionado e sen ningún ocupante no seu interior.

    Os feitos aconteceron mentres o seu propietario, con iniciais F.S.C., estaba faenando na mar polo que deixou o vehículo aparcado no porto. Cando volveu pola mañá e comprobou que non estaba presentou unha denuncia na comisaría da policía Nacional de Ribeira. Segundo apuntaron fontes policiais, semella que non se tratou dun accidente senón dun feito intencionado.

    Redacción Barbanza