Vinte anos de dedicación á política municipal

    manoloruiz_100_260906.jpgRIBEIRA > A corporación municipal ribeiresa celebrou unha sesión plenaria con carácter ordinario correspondente ó mes de setembro na que se incluiron un total de dezaseis puntos dentro da orde do día, a maioría mocións presentadas polos distintos grupos políticos. Aínda así, a atención no pleno estivo centrada na renuncia de Manuel Ruíz Rivas como edil desta corporación.

    O ata de agora primeiro tenente de alcalde e voceiro do Partido Popular no concello de Ribeira fixo efectiva a súa renuncia formal coma concelleiro no transcurso da sesión plenaria, aínda que esta decisión xa fora tomada hai tempo. O xa ex-edil ribeirés non tomaba tampouco parte na sesión e o seu lugar estaba baleiro.

    A súa saída do concello ribeirés prodúcese despois de 20 anos de traballo dentro do grupo municipal do PP. Unha vez presentada semanas atrás a súa renuncia no rexistro, o alcalde, Xosé Luís Torres Colomer, deu lectura a unha carta de despedida deixada por el. No escrito Manuel Ruíz aseguraba ser consciente de que se alonxaba da vida municipal de Ribeira no mellor e máis trascendental período de desenvolvemento da cidade.

    Na carta o xa ex-tenente de alcalde tiña tamén palabras de agradecemento para o persoal do concello pola súa xenerosa entrega durante estes anos e tivo tempo para pedir desculpas a todos aqueles que se puideron sentir agraviados ou molestos coas dúas accións e decisións.pleno_200_260906.jpg

    Precisamente os portavoces dos outros grupos políticos con representación municipal en Ribeira, ós que tantas veces se enfrontou na vida política do concello, tiveron tamén palabras de eloxio para Manuel Ruíz, ó que lle desexaron toda a clase de éxitos no seu facer coma parlamentario.

    Tivo tamén palabras de eloxio para Manuel Ruíz o alcalde, Xosé Luís Torres Colomer, ó que durante estes 20 anos de traballo no concello lle uniu unha gran amizade.

    Agora que Ruíz Rivas deixa de formar parte da corporación ribeiresa o alcalde deberá buscar un substituto. A persoa que segue na lista ó parlamentario e que, se acepta, ocupará o cargo de edil, é unha muller, Manuela Pérez, ata hai pouco tempo a presidenta das Novas Xeracións de Ribeira.

    Redacción Barbanza