Burgo lévase in extremis o XVIII Rally do Albariño

rally250_190509.jpgSALNÉS> Esta fin de semana disputouse no Salnés o XVIII Rally do Albariño. O gañador foi Pedro Burgo que se impuxo nun bonito duelo a Alberto Meira.

{flowplayer}images/salnes/rallyalbarino_190509.flv{/flowplayer} 

O Rally do Albariño volveu a ser un ano máis un auténtico espectáculo. Congregou como sempre a milleiros de afeccionados ás beiras do trazado que desfrutaron dunha competición igualadísima e na que Pedro Burgo arrebatou in extremis o título ó campión de 2008, Alberto Meira.

O rally centrouse neles unha vez que moitos dos favoritos quedáronse sen opcións. O líder do Campionato Galego, Bamarti, rompeu o motor do seu Peugeot 306 Kit Car no primeiro quilómetro do primeiro tramo. O segundo da xeral, Fernando Rico, salíase na segunda pasada do segmento de Moraña, aínda pola mañá. Ademais, o recente gañador do Rally de Noia, o cántabro Sergio Pérez, non puido nin iniciar a carreira por problemas na caixa de cambios.

Así as cousas, Pedro Burgo tomou o mando nas primeiras pasadas de Moraña e Campolameiro; marcou os mellores tempos e sacoulle 31 segundos a Alberto Meira. A máis de un minuto quedábase Fernando Rico.

Pero na saída do terceiro tramo Burgo rompeu o diferencial traseiro do seu Mitsubishi e iso fíxolle perder o liderato e outros 49 segundos con Alberto Meira nos últimos tres tramos da mañá. Pero quedaba a tarde.

Burgo aproveitou a hora da comida para reparar a avaría do seu coche para logo dominar nos tramos de Sanxenxo e Meaño, remontar, e gañar por un estreito marxe de 11,9 segundos.

Un final de infarto para unha decimoitava edición do Rally do Albariño que pasará á historia como unha das máis emocionantes.

Redacción Salnés