Pedro Campos explica no IES de Vilalonga os avatares da VOR

Frío, poucas horas de sono, e un gran desgaste físico e psíquico, son os principais inimigos das tripulación que tomarán parte na Volta ó Mundo de Vela, unha regata considerada das máis duras. Éstas foron algunhas das explicacións que recibiron hoxe os alumnos do Instituto de Vilalonga. O encargado de dar a charla foi Pedro Campos.

Os alumnos do Instituto de Educación Secundaria de Vilalonga recibiron esta mañá a visita de Pedro Campos, Presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo e Director do equipo Movistar para a Volta ó Mundo de Vela. Campos explicoulles qué é a Volvo Ocean Race, que se iniciará o vindeiro 5 de novembro en Sanxenxo coa primeira regata costeira da historia da proba. Falou dos seus rivais, os que teñen nos outros barcos partipantes e dos que terán no propio VO70 Movistar. O principal, o cansancio.

Campos explicoulles que será unha regata moi dura. Ademais de poucas horas de sono, a tripulación pasará frío, e sobre todo padecerá un ruído ensordecedor. Canta máis velocidade acade o barco, máis violentos serán os seus movementos e o simple roce da auga convertirá o seu casco de fibra de carbono nun tambor. 

Durante a Volta ó Mundo de Vela, os tripulantes gastarán unhas seis mil calorías ó día, igual que un ciclista profesional en competición. Polo tanto, a perda de peso será tamén un condicionante negativo nesta proba. Segundo explicou Pedro Campos, a alimentación da tripulación basearase en alimentos liofilizados e complexos vitamínicos.

Redacción Salnés