RIBADUMIA> O ribadumiense Rafael Louzán, novo presidente da Real Federación Española de Fútbol. O actual presidente da Federación Galega de Fútbol impúxose nas votacións ao máximo responsable da Federación da Comunidade Valenciana e logo da retirada da candidatura do presidente da Federación estremeña. Louzán está condenado a sete anos de inhabilitación por prevaricar cando era presidente da Deputación de Pontevedra. Unha medida que recorreu ante o Tribunal Supremo, que vai abordar esta cuestión o 5 de febreiro.
Partía como gran favorito e as quinielas cumpríronse. Rafael Louzan foi elixido novo presidente da Real Federación Española de Fútbol. O ribadumiense, de 57 anos, impúxose nas votacións. A súa candidatura xa viña avalada por ter aportado o dobre dos avais precisos para presentarse. Na carreira pola presidencia había tres aspirantes, pero a última hora retirouse un deles, Sergio Merchán, presidente da Federación Estremeña.
Así que o actual presidente da Real Federación Galega de Fútbol enfrontouse só á candidatura de Salvador Gomar, responsable da Federación da Comunidade Valenciana. Louzán fíxose con 90 votos, fronte os 43 que colleitou o valenciano, catro en branco e un nulo.
Rafael Louzán é presidente da Federación Galega de Fútbol dende 2014. Despois da suspensión de Luis Rubiales por parte da FIFA no verán de 2023, e tras o paso de Pedro Rocha, o ribadumiense decidiu dar un paso á fronte, co obxectivo de devolverlle a estabilidade a institución.
Pero ese semella un obxectivo difícil de conseguir, pola súa condena por prevarición na súa etapa á fronte da Deputación de Pontevedra, polo caso da construción dun campo de herba artificial en Moraña. Dende 2022 está condenado a sete anos de inhabilitación para cargo público, unha medida que non se fixo efectiva porque presentou un recurso no Tribunal Supremo, que foi admitido a trámite. Louzán confía en conseguir a absolución, unha decisión que a xustiza tomará o 5 de febreiro de 2025. Ademais, tanto el como o seu entorno entenden que en tal caso esa inhabilitación refírese a cargo público e que a Federación Española de Fútbol é unha entidade privada. Un argumento que chocaría coa nova orde ministerial e os estatutos federativos.
Por outra banda o Consello Superior de Deportes, dependente do Goberno central, ten intención de elevar unha denuncia ao Tribunal Administrativo do Deporte porque, entende, Louzán incumpre os estatutos federativos.
Así que a vitoria de Louzán, polo de agora, ten un certo tinte provisional ata que a xustiza ditamine a comezos de febreiro.






