As festas de verán arrincarán coa celebración do San Xoán

    festas_poio_100_090609.jpgPOIO> Entre as novidades deste ano, o primeiro Festival da Ameixa ou o Festival Internacional de Folclore, ámbolos dous en xullo.

    {flowplayer}images/salnes/090609_veran_poio.flv{/flowplayer}

    O turismo é un dos principais dinamizadores da economía de Poio e por iso, cada verán a concellería de Festexos deseña un programa de actividades do máis completo. As celebracións na honra de San Xoán son as encargadas de abrir a tempada. Desde o sábado 20 de xuño e ata o día 26, os actos litúrxicos combinaranse coa tradicional sardiñada, fogos de artificio e verbenas amenizadas por orquestras como Panorama ou Sintonía. Xa en xullo seguiranlle as Festas na honra da Virxe do Carme, e para non perder o ritmo durante a segunda quincena do mes, o concello aposta por dúas novidades: o Primeiro Festival da Ameixa, o 11 de xullo, e ó día seguinte o Festival Internacional de Folclore.

    O primeiro Festival da Ameixa contará coas actuacións de Manu Tenorio e Lorena, e servirá como preparación á vixésimo segunda edición da Festa da Ameixa, que terá lugar entre o 18 e 19 de xullo. Outra cita ineludible para os máis mozos será o Poio Summer Festival, o 25 de xullo na Seca.

    Agosto será tamén un mes inzado de celebracións. A máis destacada, a Festa do Mar, que do 19 ó 23 incluirá degustacións de mariscos e outros produtos da terra, exposicións, a décimo cuarta concentración de embarcacións tradicionais e as actuacións musicais de David Civera e Coti. Outras citas gastronómicas: a festa do mexillón, o día 15 de agosto ou a terceira festa dos callos, o 13 de setembro. A programación cultural e festiva de Poio inclúe tamén actividades deportivas, arte e obradoiros destinados a todo tipo de públicos.

    Redacción Salnés