A toxina volve interromper a campaña marisqueira en Noia

NOIA> Nin un mes lle durou a alegría ós mariscadores noieses que o pasado un de outubro retomaban a actividade despois do peche pola marea vermella. O Intecmar volveu decretar o peche cautelar das zonas de extracción de bivalvo e dos polígonos de bateas ante o incremento da concentración de toxina.

Os máis de mil cincocentos traballadores que participan na campaña marisqueira de Noia permaneceron inactivos ó longo desta xornada ante o peche cautelar decretado polo Intecmar.

A alta concentración de toxina amnésica levou ó instituto autonómico a decretar a prohibición da extracción de mexillón nos polígonos de bateas e de bivalvo en tódalas autorizacións da confraría. Trátase dun peche preventivo posto que os niveis de toxina están aínda por baixo do límite polo que a volta á actividade dependerá dos resultados da próxima analítica, sen ter que repetila transcorridas corenta e oito horas..

Esta nova interrupción do traballo supón unha moi mala nova para os mariscadores que xa hai un mes víronse obrigados a parar durante unha semana por outro episodio tóxico. Á presenza de toxina hai que engadir ademais a escaseza de marisco nunha campaña que non está a cumprir coas expectativas dos mariscadores despois das boas cifras do pasado ano no que se bateu un récord de facturación.