BARBANZA> As fortes chuvias caídas durante este martes provocaron numerosos incidentes na comarca, aínda que ningún deles de consideración.
{flowplayer}barbanza/inundacionpobra.flv{/flowplayer}
O máis sinificativo tivo lugar na Pobra do Caramiñal, concretamente no lugar de Pontenaveira, onde se producíu o desbordamento do río Morto ó seu paso polo lugar., afectando a varias vivendas e fincas do lugar próximas, así como tamén ó vial que discorre pola zona. Aínda así non houbo que lamentar danos de consideración.
Nada máis ter coñecemento da nova ata o lugar desprazáronse efectivos da Policía Local e de Protección Civil, que iniciaron un dispositivo de emerxencia. Grazas a unha pala excavadora conseguiuse desafoga-las tubaxes da ponte, tupidas de barro e de vexetación procedente dos noiros e desaguadoiros da autovía do Barbanza.
Incidencias menores
Tamén en Boiro, os servizos de emerxencia permaneceron en alerta durante toda a xornada. O Grumir tivo que realizar diversas intervencións en varias zonas do municipio. Ademais da retirada de contedores movidos polo vento ou o levantamento das tapas dos sumidoiros para evitar inundacións, os efectivos de Protección Civil procederon ó remolque dun vehículo que quedara embarrancado na zona de Vista Alegre.
Intervención na autovía
Durante a mañá, tamén realizaron un operativo conxunto coa Garda Civil para a localización e retirada dun can que andaba solto pola autovía poñendo en perigo a seguridade do tráfico.
Estas incidencias veñen sumarse á longa xornada do luns onde o vento motivou numerosas intervencións como a retirada de árbores e carteis de propaganda electoral arrancados que dificultaban o tránsito polas vías de comunicación.
Redacción Barbanza