Portos prevé iniciar as obras da nova lonxa de Ribeira nun prazo aproximado de sete meses

    novalonxaribeira_100_180609.jpgRIBEIRA> A nova lonxa de Ribeira ubicarase finalmente no recheo anexo ás instalacións do Club Náutico.

    {flowplayer}barbanza/novalonxaribeira.flv{/flowplayer}

    Xa na reunión mantida a pasada semana, a terceira alternativa para a ubicación da lonxa de Ribeira perfilábase como a máis idónea para acoller as novas instalacións. Hoxe, trala reunión mantida cos representantes dos sectores do mar e usuarios da rula, o presidente de Portos de Galicia confirmou que finalmente así será e o novo edificio emprazarase nunha parcela anexa ó Club Náutico.

    Trátase dunha superficie próxima ós dez mil metros cadrados onde está previsto edificar un inmoble de tres plantas: un semisótano para o aparcamento con preto de 400 prazas, unha planta baixa de oito mil metros cadrados para áreas de exposición, venda, subhasta e expedición e un primeiro andar que acollerá oficinas, servizos de venda, laboratorios e memos servizos de banca.

    Ademais da construción do edificio, o proxecto contempla a execución de actuacións complementarias nas zonas de influencia da lonxa.

    Axilización dos prazos

    O procedemento de licitación será mediante concurso público de proxecto e obra para aforrar tempo nos prazos co obxectivo de que as obras poidan comezar entre decembro deste ano e xaneiro do próximo e rematar non máis aló do primeiro semestre de 2012.

    Comisión de usuarios

    Para analizar a previsión e o deseño de traballo crearanse sendas comisións, de seguemento e de usuarios, coa fin de que poidan facer as súas aportacións. 

    O goberno autonómico realizará un importante esforzo inversor neste proxecto, máis de quince millóns de euros, que terán como resultado a máis moderna lonxa de toda Europa para un porto tan importante como Ribeira.

    Redacción Barbanza