Ruíz tende a man á oposición para sacar adiante os orzamentos de 2019

RIBEIRA> O executivo ribeirense levará a pleno a finais de mes a aprobación dos orzamentos para o presente ano. No seu total ascenden a 22’3 millóns de euros, medio millón menos con respecto ós do ano anterior.

Foi o propio alcalde, Manuel Ruíz, o encargado de debullar as grandes cifras do orzamento municipal para este ano 2019 que ascende a uns 22’3 millóns de euros. Un documento que sufre un lixeiro descenso con respecto ós do ano anterior, motivado en parte a que no 2018 se incluíu un préstamo de 1,5 millóns de euros, que non hai no presente exercicio. Tamén se referiu ó retraso na súa presentación, ó non querer aprobalos antes das eleccións municipais e así non coindicionar á nova corporación.

Facelo agora a escasos meses para o remate da anualidade responde tamén, segundo el, a varios motivos, entre eles a aplicación da actual RPT, paralizada dende 2011; o aumento do gasto en dependencia e nos recursos para igualdade e violencia de xénero; ou a necesidade de afrontar determinados investimentos subvencionados como son a dotación de material para o novo centro de hostalería, a terceira fase da excavación de Castro Cidá ou a conclusión do Centro Social de Carreira. Polo que se abre ó diálogo co resto de forzas con representación municipal para poder sacar todos estes temas adiante.

A intención do goberno pasa por levalo a pleno para a súa aprobación, a finais deste mes de setembro, previsiblemente nunha sesión con carácter extraordinario.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí