A CIG festexará o Primeiro de Maio en Boiro

    BARBANZA > Con motivo da festividade do 1 de maio, Día internacional do Traballo, a CIG será o único sindicato que celebre esta data na comarca, cunha mobilización polas rúas de Boiro. Os outros dous sindicatos maioritarios CC.OO e UXT teñen previsto celebrar manifestacións conxuntas nas principais cidades galegas, entre elas Santiago e Vigo.

    Seguindo coa mesma liña que os dous últimos anos, a CIG Barbanza celebrará o día un de maio na comarca. Nesta ocasión, o lugar elixido é Boiro cunha manifestación que sairá do parque da Cachada ás doce da mañá para percorrer as principais rúas do municipio.manicig001.gif

    Baixo o lema ‘Emprego digno; soberanía’, os afiliados da central reivindicarán as melloras laborais dentro dun marco de maior autodeterminación para Galicia que permita regular internamente as relacións laborais.

    Pola súa banda, CC.OO celebrará o seu acto central en Santiago conxuntamente con UXT. O encontro consistirá nunha festa reivindicativa que se celebrará a partir das doce e media da mañá na Praza das Praterías. Os lemas desta mobilización serán o emprego estable, a igualdade e a paz de cara a mellorar unha precaria situación laboral que se atopa estancada dende hai anos. Neste sentido, o representante comarcal do sindicato, Xosé Lamela, agarda unha mellora notable grazas ó acordo que está a negociar o goberno central en materia de contratación.maniccoo003.gif

    Lamela fixo un chamamento á cidadanía a participar nos actos convocados co gallo do Primeiro de Maio. Trala xuntanza en Praterías, os afiliados de CC.OO. daranse cita nunha carpa instalada en Santa Susana para participar nunha comida de confraternidade.

    Pola súa banda, o acto principal de UXT celebrarase en Vigo tamén en conxunto con CC.OO. A manifestación partirá ás once e media do cruce Vía Norte con Urzaiz e percorrerá as principais rúas da cidade olívica ata o edificio administrativo da Xunta.

    Redacción Barbanza