Desartellada en Boiro unha banda que falsificaba billetes

    BOIRO> A Garda Civil e a Policía Local detiveron a catro mozos da localidade ós que se lles acusa, presuntamente, de realizar falsificacións de billetes.

    A operación que segue aberta, sen descartarse novas detencións, iniciouse hai varios meses. A Garda Civil de Boiro veu efectuándolle un seguimento ós billetes falsos, de 20 e 50 euros, dando como resultado a detención dos catro mozos. O primeiro dos arrestos foi realizado o pasado martes, trátase de L.Y.M., mentres que o os outros tres, M.S.S., I.T.R. e J.S.D., foron detidos no día de onte.

    Segundo sinalaron fontes policiais para a realización dos billetes falsos empregaban unha impresora escáner multifunción, que posteriormente introducían no mercado a través, fundamentalmente, dos establecementos hostaleiros da localidade.

    Preocupación

    Na Asociación Boiresa de Empresarios non se tiña constancia deste feito, xa que ningún dos seus asociados presentara denuncia algunha ó respecto. Aínda así o seu presidente, Carlos Rodríguez Muñíz, sinalou que existe certa preocupación por este tema e que episodios delictivos coma este na localidade vaian a máis.

    Ademais estas detencións permitíronlle ós axentes resolver dous roubos que se produciron en Boiro nas últimas semanas, o primeiro deles na caseta de socorrismo de Carragueiros e outro nunha librería da rúa Pablo Iglesias, da que conseguiron levarse uns catro mil euros en bisutería. Boa parte do material extraído nos dous roubos puido ser recuperado.

    Redacción Barbanza