O PP ribeirés aproba en solitario a adxudicación do parque eólico

    plenoribeira_100_081106.jpgRIBEIRA > Norvento foi a empresa adxudicataria no corcurso de xestión do parque eólico singular.

    A corporación municipal ribeiresa celebrou este mércores ó mediodía unha sesión plenaria con carácter extraordinario durante a cal se someteu á súa aprobación a adxudicación da xestión dun parque eólico singular na zona dos Forcados en pleno monte da Curota. A empresa que resultou gañadora do concurso foi Norvento.O pleno volveu a caracterizarse polo enfrontamento entre o executivo e os grupos da oposición. Así a tensión xa se viviu na votación da moción de urxencia da sesión, cos votos a favor do PP, a abstención de BNG e IpdeR e os votos en contra do PSOE. Tres eran as empresas que se presentaron ó concurso: Eólicos do Barbanza, Fersa e Norvento. Despois do correspondente estudo das ofertas presentadas, a mesa de contratación decidiu a adxudicación a esta última, unha decisión que foi refrendada no pleno grazas ós votos a favor do PP: 12. O PSOE votou en contra, 2, e o BNG e IpdeR abstivéronse, 4.O voceiro do PSOE, Xosé Vicente Domínguez, solicitou na súa intervención o aprazamento da sesión ó considerar que a oposición non tivo tempo dabondo para poder estuda-las diferentes propostas.O portavoz socialista criticou tamén os criterios tidos en conta pola mesa de contratación á hora de realiza-la adxudicación da construción e explotación deste parque eólico.Rosa García Pose por parte de IpdR plantexou tamén esta posibilidade de aprazamento do pleno para así poder analizar máis polo miúdo toda a documentación.Ademais fixo alusión a que algunha destas empresas que participaron no concurso e que resultaron adxudicatarias da explotacións de parques eólicos noutros municipios levan varios anos sen inicia-las obras, provocando importantes perdas para os concellos.

    Xestión directa

    A voceira do BNG, Dominga Brión Sanmiguel, aludiu ó retraso con que se levou a cabo adxudicación deste parque eólico singular, máxime cando os inicios dos trámites datan do ano 2002. Durante a súa intervención indicou que dende un primeiro momento o seu partido sempre se posicionou pola xestión directa ou mixta. O edil de Industria, Antonio Teira, defendeu o traballo dos técnicos municipais neste proceso de adxudicación, lembrando o acordo plenario de xullo de 2002 no que se aprobou por maioría xa a xestión indirecta deste parque eólico. Segundo el a proposta de Norvento é a máis idónea para os intereses do municipio. Ademais e sobre a xestión directa do mesmo sinalou que suporía maiores riscos para o concello xa que este debería asumir importantes custes para as arcas municipais.

    Redacción Barbanza