O acceso ó mercado laboral máis preto para os alumnos do curso de operario de conservas

    POBRA> O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, asistiu á entrega de diplomas do curso de operario de conservas organizado pola Fundación Amigos de Galicia. Na experiencia formativa, financiada pola consellería de Política Social, viñeron participando unha vinte persoas con dificultades de inserción laboral. As instalacións da conserveira Luís Escurís Batalla, asentada no polígono industrial da Tomada, na Pobra do Caramiñal, foron o lugar escollido para desenvolver a entrega de diplomas ós vinte participantes no curso de operario de conservas dirixido a persoas con dificultades de inserción laboral. A escolla non foi ó chou, xa que esta conserveira, xunto con Frinsa en Ribeira, colaboraron na realización desta iniciativa formativa organizada pola Fundación Amigos de Galicia e financiada pola consellería de Política Social cun importe de máis de dezaoito mil euros. No acto participou o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, quen destacou a importancia deste tipo de iniciativas formativas como unha das mellores armas para loitar contra a exclusión social. Elena e Franklim foron dous dos participantes neste curso. Para eles a experiencia foi realmente proveitosa, xa que grazas á realización do curso, puideron atopar un traballo.