Barbanza viviu con gran expectación o arranque das municipais

BARBANZA> A totalidade dos candidatos, desafiaron a chuvia, e saíron igual á rúa para realizar a tradicional pegada de carteis, arroupados por simpatizantes e militantes dos diferentes grupos políticos.

Onte á medianoite arrancaba de xeito oficial a campaña electoral das municipais que se celebrarán o vindeiro día 26. Na comarca do Barbanza, a xornada foi vivida con total expectación, a pesar de que a chuvia por momentos, fixo tamén acto de presenza. Un dos municipios nos que se presenta unha campaña máis disputada é Ribeira, con oito partidos en liza disputándose a alcaldía. Neste concello a maioría das formacións elixiron a praza do Concello para realizar o acto inicial da pegada de carteis. No mesmo enclave e minutos despois das doce da noite algúns dos candidatos realizaban as primeiras valoracións sobre o que agardan desta campaña.

Outro dos concellos da zona con maior número de partidos é Boiro. Alí a totalidade das formacións: PP, PSOE, BNG, Boiro Novo, IC Boiro e Ciudadanos optaron por realizar tamén a pegada de carteis na praza do Concello. A partir de agora serán quince días nos que os distintos partidos políticos que concorren a estes comicios centrarán os seus esforzos en tratar de convencer á súa veciñanza para que lles vote, presentándolles un programa electoral atractivo.