Reanúdase a LGT coa disputa das Bandeiras de Cangas e Boiro

traias250_030709.jpgSALNÉS> Tralo parón obrigado da pasada fin de semana, mañá volven as traiñas. Será na XXIII da Bandeira Concello de Cangas. Para o domingo quedará a do Concello de Boiro. Esta fin de semana estréase ademais a Liga Femenina de Traiñas.

A celebración do Campionato de España de banco móvil propiciou que a recén comezada Liga Galega de Traíñas sufrise un parón. Tras quince días voltará a competición mañá coa XXIII Bandeira Concello de Cangas.

Ás 16:00 terá lugar a reunión de delegados e ás 17:30 darase a saída para a primeira tanda. Neste proba repartiranse 6.000 euros en premios.

Ó día seguinte, da Ría de Vigo pásase á de Arousa, coa disputa da XIX Bandeira Concello de Boiro no porto de Cabo de Cruz, con saída da primeira tanda ás 11:30. Repartiranse 8.000 euros en premios.

A liga chega xustamente con Cabo de Cruz en primeira posición, tras ter obtido dous segundos postos nas regatas celebradas en Esteiro e Ares que lle serviron para comandar a clasificación, un punto por diante de Náutico de Vigo e Chapela, e con oito sobre Perillo e Mecos, que completan os cinco primeiros postos.

Con 13 puntos e a 13 do líder, en metade de táboa, sitúanse Vilaxóan e Amegrove, que foi perxudicada por unha descalificación e que buscará subir postos na xeral esta fin de semana.

Precisamente o domingo, en Boiro, estrearase a Liga Galega de Traíñas en categoría femenina. A proba dará comezo ás 11:00, xusto antes da masculina. O sistema de competición é similar a da liga dos homes, coa diferenza de que as regatas de mulleres son sobre 1,5 millas náutivas, en vez das tres que fan as embarcacións masculinas.

Despois da disputa da Bandeira Concello de Boiro, competirán en Oleiros coa disputa o 16 de agosto da Bandeira dese concello e tan só seis días despois disputarase en Ferrol a terceira cita dunha competición que rematará o domingo 30 coa celebración da Bandeira Concello de Vigo.

Redacción Salnés