Os bateis voltan a Carril coas festas de San Fidel

bateis250_220709.jpgVILAGARCÍA> A Sala de Xuntas do Concello de Vilagarcía acolleu esta mañá a presentación da I Regata de Bateis Turismo de Vilagarcía. Está encadrada dentro do programa das festas de San Fidel de Carril e servirá para recuperar unha tradición perdida hai unha década.

Carril recupera esta fin de semana unha regata tradicional que se perdera no hai uns dez anos por diferentes razóns. Por aquel entón eran carreiras de botes, nas que participaban homes e mulleres. Agora recupérase esa tradición pero cámbiase polos bateis.

Promovida pola Concellería de Turismo, a Comisión de Festas de San Fidel e en colaboración co Club de Remo Vilaxoán, case a totalidade dos equipos da Ría de Arousa daranse cita nesta proba. Participarán en cinco categorías: en mulleres promesa e xuvenil, e nos homes, infantil, cadete e xuvenil.

Estarán Rianxo, Mecos, Amegrove, Pobra, Vilaxoán, Esteiro e Bueu. Poderían tamén particpar as embarcacións de Meira e Tirán.

As primeiras quendas darán comezo ás 17:30 e poderán ser vistas dende o paseo de Carril, un lugar idoneo para seguir de preto a regata.

Dende a Comisión de Festas de San Fidel, representada esta mañá polo seu presidente Ramón Bóveda, resaltou a intención de que esta regata non sexa unha competición aillada e poida consolidarse co paso dos anos.

Redacción Salnés