VILAGARCÍA > A páxina deportiva estará marcada esta fin de semana pola celebración do 60 aniversario do Arosa. Os actos, que terán lugar o sábado, 26 de novembro, comezarán coa inauguración do novo céspede da Lomba e rematarán co partido entre o Arosa e o Betanzos. Aínda que sen dúbida o máis destacado será o xantar que reunirá en Fexdega a máis de 300 persoas, moitos ex xogadores e directivos do clube.
Dende o Arosa aseguran que serán máis de 300 as persoas que mañá acudan ós actos de aniversario do club, que inclúen a presentación pública do libro ‘Arosa S.C. 60 anos de historia’. Entre elas estarán o presidente da Deputación de Pontevedra, a delegada de Deportes da Xunta, o máximo responsable da Federación Galega de fútbol e o presidente do colexio de Árbitros. Tampouco faltarán os xogadores.
Máis dun centenar se volverán a atopar no campo da Lomba, onde terá lugar o primeiro dos actos, a inauguración do novo céspede e das bancadas. Despois trasladaranse ata Fexdega para participar nun xantar de confraternidade que rematará coa entrega de galardóns ós homenaxeados e se presentará o libro da historia do club. A xornada rematará ás sete menos cuarto da tarde co encontro de liga entre o Arosa e o Betanzos. Os visitantes non parecen a priori un equipo complicado, polo que o Arosa debería aproveitar para sumar 3 puntos e distanciarse da zona crítica.
O outro partido de terceira na comarca será o que enfrente o domingo, 27 de novembro, ó Vilalonga co Caselas ás catro, xa que tanto Céltiga como Portonovo xogarán fora. Os illenses en Bergantiños e os de Sanxenxo en Lugo. En rexional preferente desprázase o Cambados que xoga co Ponte Ourense e xoga na casa o Unión Grove. Será o domingo ás catro e media contra o Valadares.
Redacción Salnés