![]()
SALNÉS> Na Terceira, Céltiga e Vilalonga xogan na casa ante dous rivais en prinicipio asequibles, dos que loitan pola permanencia. Repasamos tamén o que dará de sí a xornada na Preferente Sur.
Despois de deixar boa imaxe en Abegondo ante o líder, o Céltiga quere refrendar esa melloría cunha victoria este domingo fronte ó Cultural Areas, co que nunca se enfrontou na Terceira. Os de Pablo Vázquez queren seguir fortes na casa sabedores de que este ano cumplir as súas aspiracións pasan por seguir sacando adiante os partidos como local.
Á cita chegan os dous equipos que máis empatan da liga, con cinco igualadas en doce choques, sen embargo a maior calidade dos da Illa debería impoñerse ó xogo dos recén ascendidos, que foron goleados en dúas das súas últimas tres saídas, e a tenor dos resultados están indo de máis a menos. Óscar Blanco perderase o partido por sanción.
O Vilalonga busca retomar a xeira positiva de resultados que perdeu en Coruxo a semana pasada. Os de Gabi Leis levaban sete semanas en positivo e aínda que están situados na undécima posición, teñen a catro puntos o descenso. Por iso o partido de mañá toma unha maior relevancia. Reciben a un Somozas que a priori é rival directo pola permanencia e ó que gañaron seis das sete veces das que se enfrontaron en San Pedro; nunha única ocasión cederon un empate e nunca perderon. Ás coñecidas baixas de Suso e Costas hai que sumarlle a de Leo, que a falta do diagnóstico definitivo podería perderse o choque do domingo xa que onte tivo que retirarse lesionado do adestramento tras sufrir un pinchazo nun cuadriceps.
Na Preferente Sur, o Arousa busca reconducir a súa situación a costa do Cruceiro. Tres derrotas conseuctivas para os vilagarciáns que xa divisan a sete puntos o ascenso. Enfronte un equipo irregular onde os haxa. Arrancou mal a campaña, encadenou tres victorias consecutivas para agora de novo caer en picado. Vixo está sancionado e non xogará no Arousa.
Tamén na casa xoga un Ribadumia que precisa dos puntos canto antes pero que lle toca recibir ó líder Porriño, aínda invicto e que leva oito xornadas sen recibir gol. Na Senra non se dá o encontro por perdido e tentarán poñerlle as cousas complicadas.
Ademais, tres partidos fóra da casa. O Portonovo visita ó Tomiño, os de Rial coa moral polas nubes e en plena recuperación tras gañar a dous dos equipos máis potentes da categoría.
O Cambados visita a un Pontellas que se fai forte na casa onde presume dun gran poder defensivo. Os de Carregal precisan que a melloría vista no seu xogo nas últimas semanas se reflicta tamén en resultados.
Por último o Sanxenxo, nunha posición moito máis tranquila despois da súa victoria no derbi ante o Arousa visita a unha das sensacións da liga, o Rápido Bahía. Unha victoria os poría máis preto do grupo cabeceiro que do descenso.
Redacción Salnés








