O BNG levará a pleno a necesidade de mellorar A Covecha

    bngcovecha_100_270709.jpgPOBRA> O BNG levará ó próximo pleno unha moción solicitando unha mellora integral na zona da Covecha, especialmente na rúa Tetuán.

    {flowplayer}barbanza/bngcovecha.flv{/flowplayer}

    Os nacionalistas levan anos denunciando o mal estado en que se atopa este barrio a pesar de estar situado en pleno centro urbano e constituir unha das zonas máis antigas do casco histórico da vila.

    A moción que levará a pleno o BNG inclúe sete puntos nos que agardan chegar a acordo para dotar dunha serie de melloras ó barrio da Covecha. En primeiro lugar demandan que se coloquen placas identificativas co nome da rúa de Tetuán, que na actualidade non conta con ningunha. Tamén piden que se limpe a maleza e os elementos que invaden a vía pública procedente dos edifcios en ruínas que se atopan nesta rúa, que supoñen ademais un risco importante para os residentes.

    Demandan ademais, como xa fixeran en anteriores ocasións, que se proceda ó desbroce e substitución do firme dos camiños que conectan o barrio coa zona da Virxe do Monte.

    Outras das melloras que solicitan para este barrio son a ampliación da rede de pluviais, a instalación de bocas de rego ou a dotación de alumeado na rúa Entrehortas. Consideran que son servizos básicos cos que deben contar tódalas zonas do municipio e especialmente unha con tanto valor histórico como a Covecha que debería ser conservada en mellores condicións.

    Redacción Barbanza