O Extrugasa comezará a LF2 costa arriba

baloncesto250_280709.jpgSALNÉS> Os equipos arousáns de baloncesto xa coñecen o calendario da vindeira tempada. Para o Extrugasa, o camiño de regreso á máxima categoría da Liga Feminina arranca o 3 de outubro, fronte a un rival directo polo ascenso, o Bembibre. En canto ó Xuven Establecimientos Otero debutará na Liga EBA o 20 de setembro.

O Extrugasa iniciará o 3 de outubro a Liga Feminina 2 na pista do Bembibre. Feito o sorteo do calendario, o equipo arousán espéralle un inicio de campionato bastante esixente. O seu primeiro rival, o Bembibre, tamén busca un oco para quedar entre os catro primeiros e poder disputar a fase de ascenso á máxima categoría.

Tampouco terán respiro as de Tito Díaz na segunda xornada, que será en Fontecarmoa. Recibirán ó Pío XII de Santiago, outro candidato a instalarse na zona nobre da clasificación. Polo de pronto, o Extrugasa iniciará os seus adestramentos de pretempada o 31 de agosto e disputará uns seis partidos amigables. O cadro está inda pendente dunha nova fichaxe.

Ata agora están confirmadas a brasileira Cristina Souza, a búlgara Veselka Todorova, a estadounidense Christina Quaye, e as nacionais Ylenia Manzanares e Saray Ruiz, amais das canteirás Alejandra Nogueira, Andrea Ríos e Arantxa Mallou.

15 días antes comeza a competición da liga EBA. O Establecimientos Otero debutará no Pombal onde recibirá ó Estudiantes de Lugo. Os cambadeses iniciarán as sesións de adestramento o 17 de agosto.

Redacción Salnés