Os veciños de Río Morto verán mellorados os accesos ás súas vivendas

    POBRA> O concello da Pobra está a executar a mellora dos accesos á aldea de Río Morto, moi deteriorados dende que se construíra a autovía do Barbanza. Con esta actuación canalizarase as augas pluviais para evitar o deterioro dos camiños e procederase á pavimentación da vía principal. Os veciños da aldea de Río Morto na Pobra expresaron a súa satisfacción ó ver as máquinas actuando no camiño que dá acceso ás súas vivendas. Denuncian que dende que se construíra a autovía do Barbanza, hai xa sete anos, viñan rexistrando constantes anegamentos xa que a auga que baixaba do monte discorría sen control polo camiño. Con esta actuación, que está a acometer o concello, procederase á limpeza das cunetas, canalización das augas pluviais e pavimentación da vía co que quedará solucionado o acceso ás vivendas. Aínda que é competencia da Xunta de Galicia, o executivo decidiu iniciar as obras dada a urxencia da actuación. Unha vez rematada solicitarase ó goberno autonómico que asuma os custos dos traballos.