Luís Rey e Galaxia presentan a primeira biografía de Cabanillas

biografia_cabanillas100.jpgCAMBADOS> Luis Rey presentou onte a primeira biografía sobre Cabanillas, titulada ‘Crónica de desterros e saudades’.

{flowplayer}images/salnes/biografia_cabanillas.flv{/flowplayer}

CAMBADOS> Luis Rey, técnico de cultura en Cambados, presentou onte a primeira biografía sobre Ramón Cabanillas, titulada ‘Crónica de desterros e saudades’.

O libro é o cumio de quince anos de investigación e repasa en 600 páxinas os distintos avatares do escritor, na súa etapa como funcionario municipal de Cambados, do seu exilio na Habana e do seu regreso ó posto de funcionario municipal.

Luís Rey inclúe documentos inéditos e fotografías que lle cederon os familiares directos de Cabanillas e na súa investigación, amais de horas e horas de biblioteca, recibiu colaboracións de diferentes persoas que lle achegaron, por exemplo, cartas escritas polo poeta na República, ou mesmo un longo expediente de depuración de responsabilidades que lle abriron a Cabanillas e que se atopa no arquivo de Meis.

Rey cre que con esta biografía queda demostrado que Cabanillas se forxou como escritor en Cambados antes de consagrarse como poeta no exilio. Na presentación do libro participaron Francisco Fernández Rey, membro da Real Academia Galega, o profesor Emilio Ínsua e Víctor Freixanes, director da editorial Galaxia.

O acto desenvolveuse no Pazo de Torrado, onde tamén se inaugurou a exposición A roseira dos recordos, que percorre en dez paneis a vida do poeta. A mostra, promovida pola editorial Galaxia, conta coa colaboración da Xunta, do Concello de Cambados e do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas. Esta exposición está feita coas memorias líricas de Cabanillas, coas lembranzas dalgúns amigos, e con documentos e imaxes que ilustraron a vida do poeta da raza. A mostra estará en Cambados ata o 30 de outubro.

Redacción Salnés