Noia quenta motores para a disputa da XXXIV edición do Rali Ría de Noia

NOIA> A proba, organizada pola Escudería Berberecho, terá lugar a fin de semana do 13 ó 15 de abril. Trátase dunha das competicións do motor máis senlleiras de Galicia. Este ano chega a súa triséxima cuarta edición. A proba presentada na noite de onte por todo o alto no concello noiés será a terceira cita do calendario galego, despois do Rali de Cuntis celebrado o pasado 3 e 4 de marzo. Na competición hai inscritos un total de 156 pilotos, que competirán en diferentes categorías para facerse coa vitoria, entre os que se atopan os máis destacados a nivel autonómico. A edición deste ano presenta importantes novidades con respecto a anos anteriores. Unha delas será un novo tramo, neste caso urbano, a celebrar o venres trece, que atravesará as zonas de Labarta, Barro e paseo marítimo. Recuperaranse ademais  treitos coma o de Serra de Outes ou Montemuíño. A seguridade será tamén un punto destacado da organización. Para poder organizar un evento destas características, a Escudería Berberecho conta co patrocinio de numerosas firmas comerciais, e a colaboración especial dos concellos polos que discorre a práctica totalidade do trazado. A entrega de premios, coma de costume desenvolverase o sábado ás doce e media da noite no Coliseo Noela