Maceiras asegura que se albiscan síntomas de recuperación económica

    contaxeralpobra_29072009_100.jpgPOBRA> Os datos orzamentarios de 2008 dan un balance positivo, especialmente polo aforro neto e a redución do endebedamento.

    O goberno pobrés levará  a pleno a liquidación das contas de 2008. O alcalde e concelleiro presentaron os datos orzamentarios que tiran un balance positivo, especialmente polo aforro neto e a redución do endebedamento. A pesar de todo, o signo do remanente de tesourería continúa a ser negativo a pesar de que mellora con respecto ó pasado exercicio. 

    Segundo explicou o concelleiro de Economía e Facenda,  a execución do orzamento de gastos superou o 88 por cento mentres que o de ingresos situouse en 91’14 por cento o que ofrece un resultado orzamentario positivo en máis de 102 mil euros.

    Remanente tesourería negativo

    O remanente de tesourería segue a ser negativo, cifrado en menos 588 mil euros, contía inferior ós 732 mil euros en negativo do pasado ano. O remanente total quedaría establecido en menos 1.714.000 euros posto que aquí se suman os recibos pendentes de pago que superan o millón de euros.

    {flowplayer}barbanza/contaxeralpobra.flv{/flowplayer}

    Para facer efectivo o seu pago, o concello suscribirá un convenio coa Xunta de Galicia que asumirá a súa recadación. Isto unido á depuración dos saldos de contabilidade que se vai levar a cabo para actualizar as facturas pendentes de cobro e os recibos pendentes de pago, así como a posta en marcha dun plan de saneamento e de control do gasto permitirán mellorar aínda máis os resultados orzamentarios de cara ó próximo exercicio.

    Redución do endebedamento

    Dende o concello destacan tamén o signo positivo do aforro neto de 316 mil euros, e a redución da porcentaxe de endebedamento, situada nun 63’18 por cento. En canto ás obrigas pendentes de pago a acreedores quedarían en 2’4 millóns de euros, mentres que o capital vivo de operacións de crédito a longo plazo supera os 2’7 millóns de euros.

    Estas cifras son, segundo o alcalde, un síntoma da recuperación económica que comeza a afrontar o concello que, debido á redución do endebedamento, aínda pode recorrer a creditos por valor de dous millóns e medio. Fronte a esta situación contrapón o estado das arcas municipais cando gobernaban outros partidos ós que acusa de non ser capaz de aprobar as contas non tan sequera un ano.

    Insiste o alcalde na boa xestión económica desenvolvida polo goberno municipal, capaz de xestionar un presuposto de seis millóns de euros facendo inversións moi importantes para o concello.

    Redacción Barbanza