Lage Tuñas insta á Xunta a preservar a calidade do servizo público de saúde

    lagemellorassanitarias_100_130809.jpgBOIRO> O deputado socialista presentou unha iniciativa para que se dote dun médico durante todo o ano ao consultorio de Cabo de Cruz.

    O deputado do PSdeG, José Manuel Lage vén de presentar unha iniciativa no Parlamento galego solicitando un médico durante todo ano que asista no consultorio da parroquia boiresa de Cabo de Cruz.

    Na iniciativa tamén se pide o establecemento dun protocolo de colaboración institucional co concello de Boiro para optimizar os recursos públicos e facer máis accesible o sistema de atención primaria aos cidadáns.

    {flowplayer}barbanza/lagemellorassanitarias.flv{/flowplayer}

    A asociación de veciños A Unión de Cabo de Cruz realizaba estes días unha queixa perante o SERGAS pola falta dun médico durante o mes de agosto, o que obriga a pechar o ambulatorio da localidade. Facéndose eco destas peticións, o voceiro da área institucional do grupo parlamentario dos socialistas de Galicia, José Manuel Lage pide á Xunta de Galicia que este consultorio poida dispoñer de cobertura médica durante todo o ano, incluindo a época estival.

    Concellos sen pediatra

    O deputado socialista anunciou que o seu grupo parlamentario proporá a contratación de persoal de substitución para preservar a caliade dos servizos públicos. Lage Tuñas salientou que na actualidade, na comarca da Barbanza, non hai ningún pediatra para atender os máis de catro mil nenos dos concellos de Rianxo, A Pobra, Porto do Son e Lousame.

    Esta situación, engadiu, é un exemplo do déficit que existe nesta especialidade en moitos concellos galegos e criticou a pasividade da Consellería de Sanidade para solucionar esta problemática. O deputado socialista tamén mostrou a súa preocupación pola suprensión de horas extraordinarias de tarde en moitas áreas médicas dos centros hospitalarios.

    Pola súa banda, dende o goberno local, o tenente de alcalde, Xoán Xesús Ares instou a Xunta a que axilice os trámites para asumir os gastos correntes do ambulatorio do Saltiño e eximir así ao concello deste pago, que supón para as arcas municipais o desembolso de máis de centocincuenta mil euros anuais.

    Redacción Barbanza