A borrasca Kirk deixa pegada no Barbanza

BARBANZA/NOIA> O paso da borrasca Kirk deixou un regueiro de incidencias nas comarcas do Barbanza e Muros e Noia.

Unha das máis significativas producíase xa a ultima hora da tarde de onte en Porto do Son.

Alí o forte vento, con rachas de máis de cen quilómetros por hora, tiraba varias das paredes do pavillón polideportivo do Instituto Fraga do Noivo.

Por fortuna non houbo vítimas, xa que o centro educativo atopábase pechado nese momento, e esta mañá, por precaución, acordouse que non houbera clase.

Tamén se suspenderon as clases no colexio de Outes, debido á inundación da planta baixa.

Non foron os únicos incidentes, ó longo da noite e durante as primeiras horas desta mañá, nas peores horas do Kirk, foron numerosas as chamadas ós teléfonos de emerxencias pola caída de arbores, que impedían o tránsito polas estradas, e á presenza de numerosas bolsas de auga, debido á acumulación intensa das precipitacións e desbordamentos de ríos, como os que afectaron ó río Té, en Rianxo, en varios puntos, que obrigaron a pechar viais na Laxe, batán e As Miráns, entre outros.

Tamén houbo desprendementos de terra, como o que afectou ó corredor Brión-Noia, á altura do concello de Lousame, ou caída de varios noiros na autovía do Barbanza, pero de menor incidencia, e non dificultaron a correcta circulación nesta estrada.

Os cortes no subministro eléctrico tamén foron unha constante durante a mañá, afectando a práctica totalidade dos concellos, máis relevantes en Noia, Lousame ou Ribeira.

No mar a situación durante toda a xornada tamén foi preocupante. A practica totalidade da flota estivo amarrada a porto e non saíu a traballar na xornada de hoxe como é o caso de Ribeira.

Co paso das horas, e xa contra o mediodía, a situación foi mellorando e as precipitacións e fortes rachas de vento foron perdendo intensidade.