Manuel Tomé opta á reelección como presidente da patronal da Pobra

    POBRA> A asociación de empresarios da Pobra celebrará eleccións á presidencia este venres. Á espera de que remate o prazo para a presentación das candidaturas, aberto ata mañá, semella que ningún socio ten intención de tomar o relevo. Todo apunta a que Manuel Tomé revalidará o cargo á fronte da entidade, no que leva vinte e cinco anos, aínda que o actual presidente xa manifestara a súa intención de dar o relevo a xente nova. Sen embargo, de non presentarse unha candidatura alternativa, Tomé comprometeuse a seguir á cabeza da patronal para evitar que a súa actividade desapareza ou quede en mans dunha xestora. A xornada electoral comezará o venres ás nove da mañá e os socios poderán exercer o seu dereito ó voto ata as oito da tarde no local da asociación.