Cae unha rede de distribución de cocaína en Arousa

    detidos_rede_cocaina_100_170809.jpgCAMBADOS> Catorce detidos, 300.000 euros e preto de oito quilos de droga é o saldo da operación levada a cabo pola Policía Xudicial da Garda Civil.

    {flowplayer}images/salnes/170809_detidos_droga.flv{/flowplayer}

    O pasado xoves tiñan lugar as primeiras detencións. Comezaba así a desarticulación dunha rede de distribución de cocaína a pequena e mediana escala que operaba na zona da ría de Arousa. Ó parecer trátase de intermediarios que presuntamente se dedicaban a introducir en Galicia cocaína procedente de Madrid. A droga entraba por distintos puntos da península e difundíase no mercado en lotes de dous a tres quilogramos. Entre os catorce arrestados atópase o suposto enlace da rede, encargado de mediar entre os distribuidores da droga en Madrid e os encargados de comerciala en Arousa. Foi sorprendido en Cambados, localidade na que tamén se realizaron outras detencións. A Policía Xudicial da Garda Civil está detrás da operación, e aínda que xa levaban uns meses coas investigacións, foi a partir do xoves cando se practicaron as primeiras detencións. O dispositivo segue aínda aberto.

    Ademais dos arrestos, tamén se practicaron rexistros en varios inmobles da comarca arousana nos que os axentes se incautaron de diversa documentación, cartos e uns oito quilos de cocaína. Unha destas inspeccións tivo lugar na habitación dun coñecido hotel da Toxa, onde permanecía aloxado un dos sospeitosos. En total a Policía conseguiu reunir 300.000 euros, documentos con información clave para a investigación e preto de oito quilos de cocaína. Aínda que son poucos os datos que se desvelaron ata o momento, sábese que entre os detidos hai veciños da zona de Arousa e polo menos un da comarca do Morrazo.

    O sábado comezaban a declarar catro dos catorce arrestados no xulgado número tres de Cambados. A xuíza titular, Eva Armesto, decretou o ingreso en prisión dun e a liberdade con cargos para outro. Os dous restantes volveron ó cárcere. A toma de declaracións retomábase esta mañá, xa que todos deben comparecer ante a maxistrada antes de que se cumpran 72 horas desde a súa detención.

    Redacción Salnés