Política Territorial non apoia o proxecto da ronda en Sanxenxo

    SANXENXO > O PSOE de Sanxenxo asegura que a Consellería de Política Territorial non apoia o proxecto da Avenida Aviador Piñeiro. Tras reunirse coa titular deste departamento, Dulcinea Aguín sinala que a Xunta aínda non recibiu o segundo proxecto da ronda e que obtivo o compromiso de que non se fará.

    300maparondanon141205.jpgA Consellería de Política Territorial considera que a Ronda de Sanxenxo non soluciona o problema de tráfico neste concello e comprométese a non facela. Así o afirma nun comunicado a portavoz do grupo municipal socialista de Sanxenxo, Dulcinea Aguín, trala reunión mantida onte en Santiago coa conselleira María José Caride. Aguín acusa ó alcalde Telmo Martín de mentir por dicir que tiña solicitado cita coa conselleira e de que tiña o apoio da Xunta. A portavoz socialista sinala que nin tan sequera ten pedido unha reunión para informar do proxecto a Política Territorial.

    Na reunión de onte, Aguín presentou a María José Caride diferente documentación sobre a ronda, como pode ser o plano da zona aprobado no PXOM e o plano onde aparece o trazado da nova avenida. Ademais informou á conselleira da existencia de dous proxectos sobre esta vía de comunicación. Ó parecer Caride manifestoulle descoñecer a existencia dun segundo proxecto. Segundo sinala Dulcinea Aguín, a titular de Política Territorial é consciente de que Sanxenxo ten un problema de tráfico pero considera que este se estende ata Pontevedra. A voceira socialista asegura que obtivo un compromiso por parte da conselleira de que non se fará a avenida Aviador Piñeiro e de que analizará en profundidade toda a documentación deste proxecto en canto lle chegue.

    Redacción Salnés