O Pelonio adxudícase o Trofeo San Roque de Snipe

snipe250_250809.jpgVILAGARCÍA> O Real Club de Regatas Galicia organizou edición número 42 do Trofeo San Roque, en clase Snipe. O Pelonio, de Ero Pons e Adrián Domínguez, levouse o título mentres que o Faro Fino, de Tiago Roquette, adxudicouse o Trofeo Gil Casares á regularidade.

Non acompañou o vento no Trofeo San Roque de Clase Snipe e iso condicionou lixeiramente o campionato. Eran catro as mangas programadas e trala disputa de tres na xornada do sábado, o domingo a organización viuse na obriga de suspender as regatas tras varias saídas ó mar, por ausencia de vento.

Así as cousas, Ero Pons repetiu triunfo e levouse o título xunto ó seu compañeiro Adrián Domínguez, ambos a bordo do Pelonio. Pese a non acadar un bo resultadop na primeira manga, na que remataron novenos, repuxéronse nas seguintes para finalizar cun terceiro e un primeiro posto. A existencia dun descarte fíxolles sumar catro puntos que foron suficinetes para impoñerse ó Faro Fino dos portugueses Tiago Roquette e Luís Pessanma, do Sport Clube do Porto que sumaron cinco puntos cun segundo e un terceiro tras descartar un cuarto posto. Con todo, eses resultados servíronlles para alzarse co triunfo no Trofeo Gil Casares, que premiaba a regularidade e non permitía facer ningún descarte. Nesa clasficación Ero Pons rematou terceiro. No medio metéronse Bermúdez e Vergara que ademais foron tereceiros no San Roque.

A entrega de trofeos celebrouse o domingo na sede do Real Club de Regatas Galicia. Xunto ó seu presidente Pedro Piñeiro, acudiron ó acto a alcadesa Dolores García, a edil de deportes Victoria Hierro ou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Juan Durán, entre outros persoeiros.

Redacción Salnés