PONTEVEDRA> “Éxito absoluto”. Así valorou o alcalde a celebración do campionato do mundo de tríatlon. Miguel Anxo Fernández Lores mostrouse esta mañá moi orgulloso de todo o traballo realizado e anunciou que este Mundial non será o último que se celebre na cidade.
Outubro de 2023. Esa podería ser a data na que Pontevedra volva a acoller un gran evento deportivo. Nin máis nin menos que a gran final das Series Mundiais de tríatlon. Tras o éxito acadado co ITU Multisport, o alcalde anunciou esta mañá que a cidade será candidata para acoller esta gran cita.
Pontevedra presentará a súa candidatura nos vindeiros meses e a finais de ano coñecerase a sede definitiva para a gran final das Series Mundiais de tríatlon. Pero ata entón, o Concello manifesta a súa alegría e o seu orgullo e fai balance tras a celebración.
A propia Federación Internacional de tríatlon asegurou que este foi o mellor mundial celebrado ata agora, algo que, segundo o alcalde, foi posible grazas ao modelo de cidade.
A cidade entregouse na celebración do ITU Multisport e iso viuse reflectido na boa organización do Mundial. Un campionato que situou a Pontevedra no mapa internacional e no máis alto do tríatlon.