Boiro e Arosa asinan encontros insulsos con empate e vitoria pola mínima

BARBANZA/SALNÉS> Despois de tres vitorias consecutivas o Boiro pinchou esta fin de semana ante o Laracha ó asinar un pobre empate a ceros ante o décimo quinto da táboa. Mellor papel fixeron os de Piscis, que se impuxeron na Lomba ó Dorneda por un a cero. O Boiro continúa unha semana máis á cabeza da Terceira malia o pobre empate asinado esta fin de semana ante o Laracha. Semellaba un partido doado, contra un rival a piques de caer nos postos de descenso e que viña de encadear dúas derrotas, pero a mañá torcéuselle ós de Gelucho que non foron quen de mover o marcador nos 90 minutos de partido. A primeira parte foi bastante frouxa para ámbolos dous conxuntos, poucas ocasións e na que destacou a lesión do porteiro local, Damián, que tivo que ser evacuado a un hospital dando entrada ó gardameta suplente, Víctor, o máis destacado do partido cun debut máis que logrado. De feito foi o encargado de que moitos intentos do Boiro non acabaran en gol, especialmente na segunda parte, cando os de Gelucho entoaron máis o partido. Aínda así, quedaron co punto do empate que o mantén á cabeza da táboa con 58 puntos. Mellores aires correron en Vilagarcía, onde o Arosa dobregou ó Dorneda. Outro encontro a priori sinxelo contra un riva xa a piques de caer da táboa. O artífice do tanto salvador foi Quique Cubas, no minuto 55. foi o punto de inflexión do partido. Antes do gol, o encontro discorría do máis insípido, cun par de ocasións que quedaron en nada, ata o punto de que Piscis se planteou un dobre cambio nun intento de cambiar o signo do encontro. Foi entón cando chegou o gol. Saltou Santi ó terreo de Xogo, Ramón tivo que agardar algo máis, e foi entón cando o Arosa comezou a despuntar mentres o Dorneda perdía cada vez máis fol.Os locais crearon máis dunha ocasión de perigo, unha das máis claras, un remate de Eloy que escapou fóra por moi pouco. Ó final, 1-0 para o Arosa que se mantén oitavo con 45 puntos. A vindeira xornada o Boiro recibirá ó As Pontes en Barraña e os de Piscis visitará o campo do Choco.