PONTEVEDRA> O comité de empresa e a dirección de Armarios Alonso non chegan a acordo na reunión celebrada na Xunta.
{flowplayer}images/salnes/reunion_armarios_alonso.flv{/flowplayer}
PONTEVEDRA> A reunión que celebrou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e a xefa territorial de Traballo e Benestar, Carmen Bianchi, cos representantes da firma Armarios Alonso e do comité de traballadores da empresa, non tivo os resultados agardados.
Esta xuntanza fora proposta polos traballadores xa facía tres semanas, coa intención de introducir algún elemento de presión durante a vixencia do período de consulta do ERE. A pesares de que este período xa rematou o pasado venres, seguiron adiante con esta reunión para intentar chegar a algún tipo de acordo cos representantes da empresa, pero este non se chegou a producir.
O motivo principal polo que se xuntaron ambas partes foi para intentar pórse de acordo en canto ás indemnizacións por despedimentos. Segundo o representante da CIG Xaquín Agulla o acordo non chegou posto que as condicións propostas pola empresa non concordan cos intereses dos traballadores. Agulla botou man do estatuto dos traballadores para defender a súa posición e considera que o que se pretende facer por parte dos representantes de Armarios Alonso son despedimentos baratos.
Agora a Xunta conta cun prazo de 15 días para dar unha solución ó expediente de regulación de emprego. Neste senso, Agulla cre que a Administración Autonómica debe desestimar o ERE, debido ás irregularidades cometidas durante toda a tramitación deste expediente.
Redacción Salnés