Cabo, quinta en Vigo, adxudícase o título da LGT

traias250_310809.jpgSALNÉS> Náutico de Vigo adxudicouse a derradeira bandeira do ano na Liga Galega de Traíñas, que se disputaba precisamente en Vigo. Na xeral non houbo lugar á sorpresa e Cabo de Cruz alzouse co título mentres que Mecos rematou segunda o que lle valeu para ser terceira na xeral e aspirar a disputar o playoff de ascenso á ACT.

Náutico de Vigo adxudicouse de xeito brillante e XVII Bandeira Concello de Vigo, tras impoñerse no seu feudo con autoridade. Dominaro a quenda de honor dende a primeira virada. Tan só Mecos foi quen de seguirlle o ritmo e chegou 10 segundos por detrás. Esa segunda posición do grovenses, xusto por diante de Chapela servíulles para finalizar a Liga en terceira posición; igualan a puntos cos de Redondela pero o seu maior número de victorias parciais dalles vantaxe.

Cabo de Cruz, controlando dende atrás, rematou en quinto lugar por diante de Amegrove, que non puido dar a sorpresa e rematou sexta. Sumou dobre, pero os 18 puntos non lle serviron para adiantar postos na xeral. Por detrás, Vilaxoán non puido completar unha boa regata e chegou décima.

Así as cousas, Cabo de Cruz levouse a victoria final con todo merecemento. Pese a sufrir este ano unha gran remodelación nas súas filas, demostraron ser os máis regulares durante todo o ano. Os boireses recibiron onte a Bandeira Xunta de Galicia de mans do Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete. Con todo, renunciarán a disputar o playoff de ascenso á Liga ACT, algo que podería beneficiar a outra embarcación arousán, Mecos, que coa súa terceira praza optaría a ese ascenso. Ós do Grove fíxoselles curta a temporada despois de facer unha gran remontada no tramo final de campaña.

Redacción Salnés