O Arousa gran protagonista da xornada inaugural

futbol250_310809.jpgSALNÉS> Esta fin de semana deu comezo a liga. Na Terceira tanto Céltiga como Vilalonga debutaron cun empate. As cousas foron moito mellor na Preferente xa que o Arousa é o primeiro líder da competición tras golear por 6-1 ó Nogueira de Ramuín. Por detrás, o Sanxenxo é segundo despois de gañar con holgura no derbi ante o Ribadumia.

Non era o principio de temporada soñado pero un punto para comezar non está nada mal. Sobre todo tralo visto en San Pedro, onde o Vilalonga tivo a sorte de cara para salvar o empate no último minuto. O santiagués Álex Blanco errou un penalti no 92′, lanzándoo ó longueiro, o que podería ter sido o 1-2.

Antes, o Vilalonga dominara a primeira fase do encontro e tamén boa parte do segundo tempo cando se viron beneficiados pola expulsión do visitante Orlando. Pero as ocasións de gol foron máis ben escasas. Peloto fixo o 0-1 para o Negreira antes do descanso e Melchor empatou no 56′. O ex-portonovista foi do melloriño do equipo xunto ó central Tachi, que amosou a súa tremenda categoría.

Tamén empatou o Céltiga aínda que deixando mellores sensacións. Foi unha igualada sen goles na Fontenla ante o Santa Comba onde os de Pablo Vázquez desperdiciaron un gran número de ocasións. Tamén o árbitro foi protagonista ó non sinalar un penalti cometido sobre Manuel. Os da Illa medirán as súas forzas a semana que ven ante o Vilalonga, nun derbi que chega moi cedo esta campaña.

Na Preferente Sur, o gran protagonista da xornada foi o Arousa que goleu sen compaixón ó recén ascendido Nogueira de Ramuín. 6-1 para os de Ricardo Fernández que remontaron un tanto dos ourensáns ós dous minutos. Marcaron Fito, Juanito, e Zaca e Adrián Camiño, que fixeron dobrete.

Goleada houbo tamén no Revel, onde o Sanxenxo se impuxo no primeiro derbi da temporada ó Ribadumia por 4-1, polo que se colocan segundos. Os de Santi Serantes non mereceron tanto castigo, despois de ter dominado na primeira metade. Pero tralo paso polos vestiarios desapareceron. Os tantos locais foron obra de, Bolo, Cuchi, Marcos e Zalo, mentres que Berto fixo o visitante.

Tamén venceu no seu debut o Cambados que se impuxo ó Caselas (2-1). Moi boas sensacións deixaron os de Carregal, que remontaron o tanto visitante con goles de Cascallar e Melo.

Por último, o Portonovo non puido debutar con victoria na categoría e se tivo que conformar cun empate ante o Porriño (1-1). Ambos conxuntos, candidatos ó ascenso, demostraron o seu potencial e a igualdade existente entre ambos. Jesús fixo o tanto local no minuto 1, que igualou Maikel mediada a primeira parte.

Redacción Salnés