Boiro acolle a I Milla Solidaria de Axuda ó Sahara

BOIRO> Na carreira, que terá lugar este sábado, tomarán parte corredores de tódalas idades. O obxectivo será recadar fondos para os campamentos de refuxiados. A rúa peonil de Boiro será escenario este próximo sábado da I Milla Solidaria. A proba que arrancará a partir das catro e media da tarde, terá ademais do aspecto deportivo un fin solidario, xa que todo o que logre recadarse será destinado a axudar ó pobo saharaui. A carreira estará aberta a tódalas categorías, dende os máis pequenos ata os veteranos, con distancias específicas para cada unha delas. Dende a organización confían en que a proba sexa todo un éxito. As inscricións poden realizarse no departamento de Deportes ou o propio día da carreira, quince minutos antes da saída da proba. Para as categorías inferiores será gratuíta e para o resto terá un custe de tres euros. As persoas que o desexen tamén poderán colaborar coa causa coa compra de camisetas ou coas aportacións en metálico que ese día queiran realizar. A axuda será canalizada a través da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, SOGAPS.