A febre do pickleball trae a Poio este sábado un torneo internacional con equipos de Galicia e Portugal

POIO>  Din que é unha mestura entre bádminton, pádel e pimpón. É o pickleball, un deporte que cada vez gaña máis forza en distintos concellos das Rías Baixas, como por exemplo, en Poio. En Raxó, este vindeiro sábado, van acoller un campionato internacional no que nove clubs de distintos puntos de Galicia e Portugal medirán as súas forzas. A xornada, na que participará case un cento de deportistas forma parte da denominada Liga Atlántica de Pickleball.

Cada vez ten máis sona e por algo será. Falamos do pickleball, un deporte que naceu nos Estados Unidos e que chegou a Europa hai cousa de cinco anos. Na nosa contorna gaña cada vez máis forza.

Neste club de Raxó, no concello de Poio, o pickleball está moi de moda. Quedamos cun grupo de xogadores que nos contan que este é un deporte ao alcance de todo o mundo.

Cunha dinámica moi áxil e unha regras doadas, mesmo os máis fieis ao tenis acaban enganchándose.

Francisco tamén é directivo deste club de Raxó, onde están a traballar na procura de novos seareiros.

No club ofertan varias ligas ao longo de todo o ano. Pero agora foron un paso máis alá. Xunto con outras entidades crearon a primeira Liga Atlántica de Pickleball, que non entende de fronteiras entre Galicia e Portugal.

A Liga Atlántica xa fixo parada na Coruña, Santiago e Caminha. Este sábado, Raxó será a entidade anfitrioa, cunha intensa xornada na Seca a partir das dez da mañá.

Agárdase a participación de case un cento de xogadores.

Coa competición do sábado aínda por diante, aquí en Raxó teñen a vista posta xa no seguinte gran evento: o III Open Concello de Poio de Pickleball que van organizar en xuño. Nel participarán equipos galegos e doutros puntos de todo o mundo, como por exemplo o ano pasado, chegados de Portugal, Os Estados Unidos ou Suráfrica.