Mecos tamén renuncia ó playoff de ascenso da ACT

mecos250_030909.jpgGROVE> A presencia de Mecos no playoff de ascenso á Liga ACT era máis que dubidosa . Pois ben, a traíña grovense únese ás de Cabo de Cruz e Náutico de Vigo e renunciará tamén á fase de promoción.

Xa o temía Juan Ramón Outeda a principios desta semana e a ACT non axudou a que Mecos puidera competir. O gran número de lesionados fai que agora os grovenses conten con tan só 17 efectivos, catro deles xuvenís. Un deses rapaces xa non podería remar porque non cumpríu aínda os 18 anos; os outros tres poderíano facer tan só nunha regata pero non nas dúas, polo que Mecos quedaríase con 13 homes xustos, algúns deles tocados, para competir ante Koxtape, Meira e Astillero.

Ante iso, a decisión: Mecos ten un nome e unha dignidade que non se pode poñer en xogo de tal xeito.

Dende a directiva, tirouse de ilusión e intentouse durante esta semana que a ACT fixese unha excepción con eles e permitise ós xóvenes remar, pero os mandamáis non a aceptaron.

Así as cousas, Mecos é a terceira embarcación galega en rexeitar a disputa do playoff de ascenso, como xa fixeran a campiona e subcampiona da Liga Galega, Cabo de Cruz e Náutico de Vigo. Algo que deixa a día de hoxe a Tirán como única represetante da comunidade na ACT á espera do que faga Meira no playoff.

Todo isto fala ás clras de que as traíñas galegas non poden competir coas cántabras e coas vascas. Loxicamente, non pola calidade dos seus remeiros, senón polos recursos económicos xerados por un deporte, moito mellor estructurado e vendido ó público na costa cantábrica que na atlántica.

Redacción Salnés