Novo capítulo da loita pola salvación na Preferente

SALNÉS> Na Terceira o Vilalonga recibe ó Ourense mentres que o Portonovo visita ó Somozas. Na Preferente vivirase outro novo capítulo na loita pola permanencia.

{flowplayer}images/salnes/futbol_250311.flv{/flowplayer} 

Non é ningunha novidade que Gabi Leis teña que tirar de inventiva para facer un once que poida dar o pego. Pero é que as baixas son tantas nesta ocasión que ninguén sabe como o santiagués pode conformar o seu equipo para o domingo. Sen Nano, Nelo, Miguel Vázquez e coa dúbida de Fran Matos, tan só Tachi e Leo son defensas natos no plantel. Ademais esta semana chega o segundo equipo máis goleador da competición, un Ourense que ven de pasar por enriba do líder Cerceda e que é aínda máis perigoso dende a chegada de Candido Gómez ó banquiño.

Mentres o Portonovo tentará dar a sorpresa ante un Somozas que se está a xogar a cuarta posición da táboa e que precisa os puntos. Non menos necesitado están os de Molina, ós que se lles acaba o tempo para reaccionar.

Na Preferente hai dúas loitas. Unha na que está inmerso o Sanxenxo e outra na que andan metidos o resto de equipos do Salnés. Os de Calucho teñen unha oportunidade moi boa para sumar os tres puntos e seguir preto dos postos de cabeza, xa que visitan a A Peroxa, o último clasificado, que aínda non sabe o que é gañar esta temporada.

O Sanxenxo estará pendente do que faga o Céltiga ante o Lalín, no Manuel Anxo Cortizo, soñando por unha victoria dos da Illa. Non menos necesaria é para os de Núñez que queren confirmar a súa melloría cun bo resultado nun campo de renome.

Outro lanzado cara a salvación é o Cambados, que tras dúas meritorias victorias ante Ourense B e Pontellas recibe agora ó Gran Peña, un equipo que tamén encadea unha boa xeira de resultados que lle permiten colocarse preto dos postos de ascenso.

O Arosa tamén se xoga boa parte das súas opcións de permanencia en Porriño. Gañar non só é importante para os vilagarciáns polo feito de sumar os puntos senón tamén por meter ó seu rival na loita pola salvación.

O Ribadumia sí que cada vez ten menos marxe de erro. Os de Sorbet confían no poder da Senra para gañar o partido ante un Choco que chega no seu mellor momento da temporada, con catro victorias nos últimos cinco partidos.

Redacción Salnés