O Vilagarcía, novo campión do mundo de Platú 25

vilagarcia250_celeb2.jpgSALNÉS> O Vilagarcía, o barco dos irmáns Paz é o novo campión do mundo de Platú 25. Foron os máis regulares durante todo o campionato e souberon aguantar na derradeira xornada o liderato que ostentaban. Por fin chega un título para eles, tan merecido como traballado.

Á cuarta foi a vencida e o Vilagarcía proclamouse campión do mundo de Platú 25. Tras cinco días de probas e doce mangas en Punta Ala, na Toscana italiana, o barco dos irmáns Paz superou ós seus 91 rivais con autoridade. Xunto a Carlos e Antón e o curmán de ambos, Bernardo, Esteban Gañete e Joaquín Cores xa poden presumir de ser os mellores do planeta nesta clase. Foran xa tres títulos nacionais e un terceiro, un cuarto e un quinto posto nos mundiais. Desta volta xa lles tocaba gañar e que a sorte non lle dera as costas como noutras ocasións para alzarse co primeiro posto.

A derradeira xornada estivo marcada pola tensión xa que varios barcos optaban á victoria. Na primeira proba o Vilagarcía facíase co triunfo parcial algo que lles outorgaba a victoria matemática xa que os seus rivais máis directos, o Bribón, o Tuypan, o CLAS e o Iberdrola, non entraban entre os primeiros.

A loita polo podium levouse na última manga ó límite. O Modus Vivendi grego aproveitouse da excesiva vixilancia que mantiveron entre si os barcos españois para rematar segundo por detrás do Bribón, que finalizou terceiro na xeral. Por detrás del, Clas, Revoltosa, Tuypan e Iberdrola certificaron o claro dominio da flota española no mundial.

Con todo a superioridade final do Vilagarcía foi total, Remataron con 34 puntos descartando un séptimo posto e a descalificación da segunda xornada e aventaxando ó Modus Vivendi en 16 puntos. Os do Liceo Casino terán a oportunidade de revalidar o título o vindeiro ano na casa, no munbdial que se vai disputar en Alicante.

Redacción Salnés