O Cortegada afronta o encontro máis asequible do ano

VILAGARCÍA> Esta fin de semana o Cortegada ten o partido máis sinxelo do ano, a priori. Recibe en Fontecarmoa ó Guadalajara, último clasificado que aínda non coñece a victoria.

A victoria contudente en Tenerife fixo recuperar os ánimos ó plantel do Cortegada. As tres derrotas consecutivas nas pistas de rivais directos polo ascenso mermaran a moral dun equipo que en certo aspecto era inferior a como se amosara na primeira volta.

Pero o triunfo ante o Uni Tenerife servirá sen dúbida de acicate para o plantel, que despois da sesión dobre de adestramento de onte, hoxe continuará a prepararse para manter o bo ton físico de cara ó encontro do sábado.

Ese partido é sen dúbida o máis asequible de cantos poden disputar as de Pepe Vázquez este ano. Mídense ó Guadalajara, último na xeral sen coñecer a victoria en 20 xornadas. Promedia tan só 51 puntos por partido e encaixa máis de 80. A escolta Vanessa Blanco e a aleiro Victoria Robles, son as súas xogadoras de referencia, pese a que non posúen grandes porcentaxes de acerto en tiro.

O tropezo parece improbable. Na ida venceron as vilagarciáns por 20 (58-78), nun encontro no que desfrutaron de moitos minutos en pista varias canteiráns.

A efectos clasificatorios esta xornada será positiva para o Cortegada. As vilagarciáns son terceiras pero miran cara abaixo. Agora mesmo gardan dúas victorias de diferencia co quinto clasificado, o Universiatario de Ferrol, que esta semana mídese a outro dos de arriba, o Uni Tenerife. Ademais, o Ensino, cuarto clasificado, recibe ó sexto, o Carmelitas, polo que estes duelos directos non deixarán máis que boas novas para o Cortegada, sempre e cando non salte a sorpresa en Fontecarmoa.

Redacción Salnés