Juan Carlos Andrés xa non é o adestrador do CD Boiro

BOIRO> A directiva traballa na contratación dun novo técnico. Todo parece indicar que Javi Touriño, ex-adestador do Bertamiráns, será o elixido. Cinco meses despois da súa presentación como adestrador do primeiro equipo, Juan Carlos Andrés, que chegou ó club para substituír a Gelucho, coa finalidade de mellorar a situación do equipo na táboa clasificatoria, e tamén o xogo, foi cesado pola xunta directiva. Ningún dos obxectivos que se marcaba o adestrador vigués o día da súa presentación se cumpriu. O equipo segue situado nos postos de perigo, actualmente é décimo oitavo con 23 puntos, e a melloría no xogo tampouco se aprecia, a pesar de que nos últimos meses se foron incorporando novos xogadores ó plantel. Nos quince encontros disputados con el no banco: catro vitorias, catro empates e sete derrotas. A nova da súa destitución non lle caeu a ninguén por sorpresa, xa que dende hai algunhas semanas se viña rumoreando a súa posible saída do equipo. A derrota no partido de volta dos oitavos de final da Copa RFEF co Arandina, un a dous, e principalmente o pau sufrido na última xornada ligueira co Barbadás, onde o equipo perdía por tres a un, foi a gota que colmou o vaso e o que levou á toma desta decisión. A directiva do club xa traballa na contratación dun novo técnico. Varias son as opcións que se barallan, aínda que o principal candidato é Javi Touriño, ex-adestrador do Bertamiráns. Un técnico precisamente que xa sonara para facerse cargo do equipo cando se produciu a destitución de Gelucho.

Comments are closed.