Festón de benvida ós campións do mundo de Platú 25

platu250_061009.jpgVILAGARCÍA> Os campións do mundo de Platú 25 xa están na casa. A tripulación do Vilagarcía chegou onte da súa viaxe a Italia e o primeiro que fixeron foi dirixirse ó Club de Mar. Alí foron obsequiados cun recibimento por todo o alto, organizado pola Autoridade Portuaria e no que participaron familiares e amigos.

{flowplayer}images/salnes/fiestaplatu_061009.flv{/flowplayer} 

Contra as 19:45 o ‘Vilagarcía’  facía a entrada no porto. Agardábanlle familiares, amigos e autoridades, entre elas o Presidente do porto Javier Puertas, o Vicepresidente da Deputación, José Juan Durán ou a alcaldesa Dolores García acompañada da edil de deportes Victoria Hierro. Todos, enfundados nunhas camisetas feitas para a ocasión, agardaron con impaciencia o momento de abrazarse ós campións.

Un grupo de gaitas, cánticos de "campións, campións", bombas de palenque, baño en champagne, en resumo, moita ledicia por un éxito buscado dende hai anos, moi traballado. Tralo ágape preparado para a ocasión, o presidente do porto quixo lembrar a tódolos presentes da importancia que para Vilagarcía ten un logro destas características.

Deixando a un lado os éxitos de Antón Paz no Tornado, este é sen dúbida o maior premio acadado pola vela vilagarcián.

Como é tradición neste tipo de festexos rematouse por tirar ós campións directos ó mar. O primeiro, o máis novo: Bernardo Paz, o proa. Tras el, o patrón Carlos Paz, o trimmer Esteban Gañete, Joaquín Cores que actuou como piano, e por último Antón Paz, o táctico ó que non lle deu tempo de quitar nin sequera os calcetíns.

Redacción Salnés