Dous mortos e un ferido grave nun naufraxio fronte a Aguiño

    naufraxio_aguino100.jpgRIBEIRA> Dous mariñeiros morreron e outro foi rescatado ferido grave tras naufragar onte a lancha na que faenaban fronte á costa de Aguiño.

    Os falecidos son Vicente Figueiro Ignacio, de 57 anos, e Faustino Rodrigo Rodríguez, de 46. O cadáver deste último non foi localizada ata as once desta mañá. O único superviviente deste naufraxio é José Eiras Varela, de 70 anos, que se atopa no Clínico de Santiago de Compostela, onde conseguiron estabilizalo, inda que permanece grave. Os tres mariñeiros son veciños de Rianxo.

    O naufraxio do Cunchiña, que así se chama o barco, produciuse onte á tarde. Sobre as seis a muller dun dos mariñeiros alertou ós servizos de emerxencia de que o seu home, que saíra a pescar con dous amigos, e quedara de regresar ás tres da tarde inda non chegara. Salvamento Marítimo puxo en marcha un operativo de busca e onte xa se puido localizar o cadáver dun dos ocupantes do barco, así como a outro home que pedía auxilio e que foi trasladado por unha ambulancia do 061 ó Hospital do Barbanza.

    A busca do terceiro tripulante retomouse esta mañá e finalmente, sobre as once do mediodía buzos do Grupo de Actividades Subacuáticas da Garda Civil recuperaron o corpo sen vida de Faustino Rodrigo Rodríguez na zona de Carreiro de Aguiño, onde se produciu o naufraxio. O cadáver foi trasladado ó porto de Aguiño. No operativo de busca participaron as embarcacións de Salvamento ‘Salvamar Sargadelos’ e ‘Salvamar Regulus’; a ‘Marte’ da Cruz Vermella e o buque ‘Sebastián de Ocampo’; buzos da Garda Civil e de Salvamento da Base Estratéxica da Coruña, ademais de efectivos de Protección Civil de Ribeira por terra.

    O único supervivinte do naufraxio do Cunchiña, José Eiras Varela, foi trasladado do Hospital do Barbanza ó Clínico de Santiago, onde conseguiron estabilizar o seu estado, pero permanece grave. Está monitorizado para observar a súa evolución da hipotermia severa que presentaba e os médicos afirman que progresa ben.

    Redacción Salnés